O Consello da Xunta aprobou o cambio de titularidade dun resto da estrada OU-540, situado entre os PK 18+490 e 18+900 da marxe dereita, no núcleo rural da Lampaza, a prol do Concello de Celanova.
A tenor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou tramos que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
Ao abeiro das previsións legais, a Área de Planificación e Programación da Axencia Galega de Infraestruturas informa favorablemente o dito cambio de titularidade.
O cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia e a entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta.
Corresponderanlle ao Concello de Celanova, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.