A Consellería do Medio Rural distribúe entre os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) 9 equipos de protección individual (EPI) e 7 pértegas que alcanzan os 30 metros de altura, co obxecto de reforzar os medios destinados á execución do Plan de vixilancia e control da vespa velutina en Galicia. Deste xeito, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez reafirma o seu compromiso na loita fronte este insecto invasor, contribuíndo a minimizar os seus efectos negativos sobre a produción apícola e a seguridade das persoas.
Este xoves a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, fixo entrega do material destinado á provincia de Ourense, en concreto, aos GES de Avión, Celanova e Ribadavia. Cada un deles recibirá tres equipos de protección individual especiais destinados á retirada de niños de vespa velutina.
Ademais, a Consellería do Medio Rural distribuíu entre os apicultores nos anos 2015 e 2016 un total de 3.075 trampas e botes de líquido atraente, co obxecto de realizar o trampeo de primavera preto das súas colmeas, destinado á recollida de raíñas do insecto invasor tras a súa hibernación. Cada raíña capturada supón un niño menos na tempada seguinte.