Na sesión deste xoves da Xunta de Goberno Local abordáronse un total de 24 expedientes.
Neste día a xunta acordou conceder ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar licenza definitiva de obra para proxecto de execucion para Centro Interxeracional para escola infantil de 6 unidades e centro de formación e aprendizaxe para persoas maiores na rúa Ramón Abellás. Un dos proxectos máis singulares e importantes da cidade que financiará íntegramente a Fundación Amancio Ortega.
O proxecto está redactado polo arquitecto Rafael Pier Romero. Será un centro pioneiro, que albergará nun mesmo contorno unha escola infantil, que estará integrada dentro da Rede de Escolas Infantís de Galicia, e un centro para persoas maiores para a promoción da autonomía persoal e a prevención da dependencia. Ubicarase na rúa Ramón Abellás, en terreos achegados polo Concello, cunha superficie total de 4.480,80 metros cadrados.
A escola infantil estará dotada de seis aulas, espazos de usos múltiples, comedor, baños e vestiario adaptado, zona de cociña e despensa, almacén e patio propio, entre outros. E o centro para persoas maiores estará equipado con seis salas para actividades, convivencia e usos múltiples; aseos e vestiario adaptado, sala de curas, lavandería, comedor e patio.
A Fundación Amancio Ortega financiará a construción destes equipamentos, que serán de titularidade da administración autonómica, e, polo tanto, terán carácter público.
Outros acordos
Así mesmo, deron conta de 13 resolucións xudiciais; aprobouse o proxecto modificado para rehabilitar un edificio na rúa Vilar para vivendas protexidas; púxose a disposicíon da Xunta os terreos para iniciar as obras que a Consellería de Medio Rural realizará en Montealegre; e aprobouse, fóra da orde do día, o expediente para contratar a execución do proxecto básico e de execución do edificio para o traslado provisional dos postos do mercado da Praza de Abastos nº1 para a Alameda, mentres duran as obras de reforma do edificio do mercado tradicional da cidade. A partires de agora procédese á apertura do procedemento de adxudicación, mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria.