A selección española de fútbol sala comezou a súa preparación de cara ao Mundial de Colombia en Ourense. Despois de varios adestramentos tocou o primeiro amigable. E foi no Pazo dos Deportes Paco Paz. Ata alí desprazáronse miles de afeccionados para ver aos mellores xogadores nacionais.
O partido foi o típico dos que se disputan a estas alturas de pretempada. Sen moito ritmo e sen ser capaces de materializar as ocasións que dispuxeron os homes de Venancio López.
España foi moi superior a un combinado exipcio que ben fixo en aguantar e non caer derrotado por goleada.
Rivillos adiantou a España e Mostafa Eid lograba empatar minutos despois. Antes do descanso Adolfo Fernández devolvía a vantaxe ao combinado nacional.
Na segunda parte chegaría o cansanzo duns xogadores que acaban de chegar das vacación e non suman nin unha semana de adestramentos. A pesar de todo houbo ocasións -varios tiros a paos- pero soamente un gol. Ruíz Cortés lograría o único tanto da segunda metade. 3-1 e primeiro test superado. O camiño a Colombia é longo.