O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, mantivo unha reunión co alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, o tenente alcalde, Xosé Manoel Fírvida, e a concelleira de Urbanismo, Victoria Morenza.
No encontro os responsables municipais plantexaron a necesidade e colocar un ascensor e instalar unha pasarela ó que se accedería dende a rúa San Bernabé e desembocaría no parque da rúa dos Diestros (ubicado no entorno do centro médico que se está construindo)
O xerente do Sergas explicou que no departamento que dirixe non hai contempladas partidas orzamentarias para este tipo de instalación. Con todo, e debido á importancia que ten a dificultade nos accesos a pé ó centro de saúde que se está construindo Fernández-Campa, anunciou a súa dispoñibilidade a apoiar esta iniciativa noutros departamentos da Xunta.
Xosé Carlos Valcárcel, trasladoulle a Fernández-Campa que “unha boa accesibilidade ó novo centro de saúde é unha prioridade para o goberno de Barbadás”. Anunciou que “recorreremos a tódalas as administración para conseguir o financiamento necesario para instalar o ascensor e a pasarela”; un proxecto que precisa dun orzamento de 120.000 euros. O ascensor sería acristalado, con capacidade para 6 persoas e tería unha primeira parada dando acceso ó parque infantil e unha segunda que comunicará coa zona axardinada actual mediante unha pasarela liviá.
Pola súa banda, o Concello de Barbadás investirá 18.394 euros para mellorar o acceso ao centro de saúde, axardinar a zona, completar a comunicación entre o parque e a rúa das Burgas e construir beirarrúas no tramo que falta.
Así mesmo, na reunión, Xosé Manoel Fírvida amosou ademais interese polo cumprimento dos prazos na posta en funcionamento desta nova intalación e polo futuro do actual centro de saúde de Barbadás. Ao respecto, Fernández Campa anticipou que a principios de 2017 podería estar funcionando o novo e que o actual continuará en funcionamento.