Comercio polo miúdo e hostalería son os sectores con máis iniciativas, cun predominio de mulleres emprendedoras.

O Servizo de Emprego do Concello ofreceu asesoramento a 177 proxectos empresariais neste ano

O Concello de Ourense prestou asesoramento técnico a un total de 177 proxectos empresariais a través do seu servizo de emprego durante o primeiro semestre do ano. 207 emprendedores e emprendedoras acudiron neste período ao Centro de Iniciativas para solicitar información para poñer en marcha e desenvolver as súas iniciativas. Os técnicos de emprego do Concello tamén apoiaron a 95 emprendedores que puxeron en marcha empresas ou iniciaron a súa actividade profesional como autónomos/as.

O servizo municipal, formado por tres técnicos de emprego, asesora gratuitamente a persoas que desexen poñer en marcha algún tipo de negocio, desde as instalacións do Centro de Iniciativas Empresariais, na rúa Padre Feijóo, no Casco Vello.

O apoio ao emprendemento é un punto esencial para a área de Promoción Económica, que dirixe o concelleiro Jorge Pumar, quen salienta que “desde a concellería tamén estamos a desenvolver proxectos innovadores e importantes para a creación de emprego, como poden ser a primeira lanzadeira de emprego ou a posta en marcha de espazos cooworking en La Molinera, grazas á cooperación coa Deputación e a Rscola de Organización industrial”.

 

Destacan os sectores de comercio e hostalería

O comercio polo miúdo e a hostalería son os sectores de actividade nos que os emprendedores e as emprendedoras desenvolveron máis proxectos co asesoramento do Centro de Iniciativas: 64 e 42, respectivamente, o que representan un 36,17% e un 23,73% do total de 177.

A continuación, figuran servizos sanitarios (16 proxectos, 9,03%), perruquería e estética (12, 6,78%), construción (11, 6,21%), formación/educación (10, 5,65%) actividades profesionais (7, 3,95%), e 15 doutras actividades diversas (8,48). En canto a emprendemento, hai maioría de mulleres (113, 54,6%) fronte a homes (94, 45,4%);  por idades, constátase que o 72,47% foron maiores de 30 anos (150), por un 27,53% de menores (57), e canto ao nivel de estudos, 70 eran universitarios (33,82%) e 137 non universitarios (66,18%).

Tralo asesoramento recibido, 82 persoas déronse de alta profesional como autónomos, creáronse 8 sociedades civís, 3 limitadas e 2 cooperativas.