Reclaman, entre outras medidas, a reparación do mobiliario urbano, unha Xornada de Portas Abertas na Praza de Abastos da Ponte e o traslado do matadoiro municipal.

Propostas socialistas para mellorar o comercio

O Grupo Municipal Socialista rexistrou unha moción para o seu debate no próximo pleno do día 5 de agosto co fin de solventar o “caos existente na Concellería de Comercio durante este primeiro ano de xestión”.

Así, os socialistas proporán unha batería de medidas e compromisos urxentes a adoptar por parte do Goberno Municipal do PP co fin de desbloquear a situación e que deberían levarse a cabo conxuntamente en colaboración con todos os grupos municipais.

Deste xeito instarán ao Goberno Municipal a que presente urxentemente unha proposta aberta e fundamentada para a contratación da concesión administrativa da xestión integral da Praza de Abastos nº 2 da Ponte, que presente un cronograma das actuacións de rehabilitación da Praza de Abastos nº1 e o seu entorno; a que constitúa unha mesa de traballo para a elaboración conxunta da ordenanza de veladores; dotar de funcionarios á Concellería de Comercio; que elabora un plan urxente para a reparación do mobiliario urbano; que contrate a nova concesión do matadoiro municipal e axilice o seu traslado a Santa Cruz de Arrabaldo; e que se recuper a celebración da Feira do 21.