A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presidiu o acto de sinatura dos correspondentes convenios cos representantes dos 11 concellos da provincia adscritos ao Plan de Emerxencias. Entre eles estaba o de Ourense, representado polo seu alcalde, Jesús Vázquez, que grazas á colaboración da Consellería -achega 218.749,2 euros-, saneará e pavimentará catro camiños do rural deteriorados polo efecto do inverno.
Os arranxos consistirán na mellora da drenaxe superficial e sinalización vial, e limparanse de malas herbas as cunetas dos accesos á parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo (que recibirá 60.449,19 euros), o camiño da Burata a Vilariño (38.500 euros), a rúa da Amizade -no polígono de As Coiñás- (60.000 euros), e o camiño do Espeto -na zona alta da Farixa- (59.800 euros). Estas melloras incidirán considerablemente na seguridade vial e na comodidade de circulación, tanto para vehículos como para peóns.
A achega total para a provincia de Ourense é de 768.146,18 euros dentro do Plan de Emerxencias para a mellora, arranxo e posta en valor de camiños municipais.