A Veiga acollerá, do 30 de setembro ao 2 de outubro, o I Encontro de Fotografía “Trevinca Starlight”, programado como un campo de traballo creativo onde se cohesionan diferentes maneiras de ver a fotografía de paisaxe no seu concepto máis amplo.
As actividades desta iniciativa formativa comezan o venres, 30 de setembro, ás 18.00 horas, coa recepción aos participantes e posteriormente, desenvolveranse as clases teóricas sobre a paisaxe no arte, e a técnica da paisaxe, finalizando a primeira xornada cunha cea de confraternidade. Ao día seguinte, as actividades comezan ás 7.00 horas cun taller práctico ao amencer, e ás 10.30 horas celebrarase outro taller sobre a paisaxe natural. Pola tarde, ás 16.00 horas, será a quenda para unha clase teórica sobre a técnica da paisaxe nocturna, e remataría con dous talleres prácticos sobre o atardecer e a fotografía nocturna. Por último, o domingo, 2 de outubro, daranse cita ás 10.30 horas para extraer as conclusións finais do campo de traballo e cerrará o encontro unha comida de clausura.
Prezo
O prezo da inscrición do curso é de 300 euros.
Concurso de fotografía
Paralelamente, realizarase o I Concurso de Fotografía Destino Turístico “Starlight Trevinca”. A temática do concurso é a paisaxe da Veiga en xeral, tanto desde o seu aspecto natural como desde o seu aspecto persoal. As fotografías poderán presentarse a partir da semana que vén ata o 15 de outubro de 2016.
As fotografías deberán estar tomadas no ano 2016, podendo presentar cada participante un máximo de tres imaxes. Os premios serán de 400 euros para o primeiro, de 250 euros para o segundo, e de 100 euros para o terceiro posto. Asemade hai un premio que será para unha fotografía referente ao “Starlight” que terá un suplemento de 150 euros. Todas as fotografías presentadas serán cedidas, polo menos unha copia delas, ao concello para cedelas a todos os hostaleiros do municipio.