A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou o Centro Especial de Emprego Callcenter, especializado na atención de chamadas.

A Xunta aposta por adaptar a formación dos discapacitados aos novos perfís profesionais

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou este mércores en San Cibrao das Viñas a importancia e necesidade de adaptar a formación das persoas con discapacidade cara aos novos perfís profesionais que está a demandar o mercado de traballo.

“O noso reto é mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego adecuando os seus perfís profesionais ás demandas dos sectores estratéxicos e emerxentes que as empresas requiran no curto e medio prazo”, apuntou.

Na súa visita ao Centro Especial de Emprego Callcenter, especializado na atención de chamadas, a responsable de Emprego explicou que o Goberno galego, a través da Axenda 20 para o Emprego, está a traballar nesta actuación e noutras ferramentas para promover a integración laboral e calidade no traballo deste colectivo e das persoas en situación ou risco de exclusión social.

“Estamos a traballar polo emprego inclusivo procurando unha maior achega do emprendemento con especial atención á integración laboral das persoas en situación de vulnerabilidade”, engadiu. Do que se trata, segundo subliñou, é “de poñer o acento nas capacidades e habilidades das persoas, e non nas súas circunstancias ou limitación”.

En definitiva, Toca asegurou que o obxectivo fundamental é traballar coas persoas para mellorar as súas competencias e para que “a recuperación económica e o emprego chegue a todas as familias galegas”.