O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Bande para a urbanización da travesía da OU-540, estrada que une Ourense e a fronteira portuguesa (A Madalena), ao seu paso polo centro urbano desta localidade.
Estas actuacións constan dun orzamento de máis de 244.000 euros, que serán achegados polo Goberno galego a través da Axencia Galega de Infraestruturas, e a Deputación de Ourense.
O Concello de Bande pretende acometer a mellora do estado dun treito da rúa Faustino Santalices, situado á entrada da travesía desta localidade, completando as beirarrúas existentes no resto da vía. O tramo ten unha lonxitude aproximada de 100 metros e forma parte do treito da estrada autonómica OU-540, correspondente ao núcleo urbano de Bande, que foi transferido ao concello en decembro de 2014 tras a solicitude da Administración local.
A actuación pretende a prolongación da beirarrúa da marxe dereita da vía e a urbanización no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 39+610 e 39+711 da OU-540, fronte á estación de servizo.
As obras comprenderán a demolición da caseta de legoeiros e a construción na mesma parcela dunha nova nave que sirva de apoio á realización das tarefas de apoio á rede autonómica de estradas. Rebaixarase ademais a cota da leira, deixándoa ao nivel da estrada para facilitar o acceso. Executarase unha beirarrúa, pola marxe dereita da estrada, incluíndo a instalación de redes de abastecemento, saneamento, pluviais e iluminación.