Esixen que o popular sexa retirado do cargo de xefe de Persoal no Concello de Ourense.

PSOE e OUeC presentan un recurso de reposición contra Rodríguez-Nóvoa

PSOE e Ourense en común presentaron este xoves un recurso de reposición en contra do nomeamento do popular Francisco Rodríguez-Nóvoa como xefe de Servizo de Persoal do Concello de Ourense. Ambos voceiros adiantaron que presentarán un contencioso administrativo no caso de que o recurso sexa desestimado.

A finais de xuño todos os grupo da oposición -PSOE, Ourense en Común e Democracia Ourensana- coincidiron en cualificar como «un traxe á medida» o concurso para contratar a Rodríguez- Nóvoa, quen, cunha ampla traxectoria nas filas populares, foi responsable de Persoal durante o goberno de Cabezas.

Trala presentación do recurso, o socialista José Ángel Vázquez Barquero destacou que “non empregamos isto como arma de ataque nun contexto pre electoral, estamos a falar de datos obxectivos». Pola súa banda, Martiño Vázquez, voceiro de OUeC, aclarou que no documento presentado se «especifica que se están a incumprir artigos» en materia de «igualdade, mérito e competencia» no acceso á función pública.