Na campaña de verán organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social, este ano na provincia de Ourense ofértanse un total de 715 prazas en campamentos para mozos de entre 9 e 17 anos. As instalacións nas que se desenvolverán os campamentos son o centro de educación ambiental Equal en Coles; o complexo turístico O Corgo, en Muíños; a estación de montaña de Manzaneda; a residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, na capital da provincia e o o campamento Penedos de Xacinto en Entrimo.
Precisamente, esta última instalación foi visitada este venres pola delegada territorial da Xunta en Ourense. Trátase dun campamento de montaña, cunha capacidade de 100 prazas en tendas de campaña. A instalación dispón de pista polideportiva, salón de actividades, rocódromo, anfiteatro, alpendre cuberto e piscina.
Nesta quenda, na instalación están 100 mozos de entre 9 e 13 anos que participan no campamento ‘Teatro e aventura na natureza’, que conta con actividades de dramatización, expresión corporal, ensaios e propostas teatrais ou técnicas de circo como malabares e habilidades de equilibrio. Para o total do verán, en Penedos de Xacinto foron convocadas 400 prazas, 300 en campamentos organizados directamente pola administración autonómica e 100 por entidades a través da oferta concertada.
Campaña de verán
A provincia de Ourense acolle este ano un total de 960 prazas, 80 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen nas actividades de conciliación estival e de ocio educativo da campaña de verán, que organiza a Xunta de Galicia.