O Partido Popular de Ourense vén de pedir a demisión inmediata do alcalde de Ribadavia e todos os seus cargos públicos pola grave irresponsabilidade cometida ao ocultar durante 14 meses unha orde de peche do campo de fútbol de herba artificial, ditada por razóns de seguridade por parte do Ministerio de Fomento, poñendo en perigo a centos de usuarios.
O voceiro popular no Concello de Ribadavia, César Fernández Gil, acompañado polo secretario xeral do PP, Rosendo Fernández, e mailo secretario de organización, Pablo Pérez, explicou que o Ministerio de Fomento ordeou a finais de maio de 2014 o cese das actividades neste campo, situado ao pe do viaducto da A-52, logo do incidente rexistrado dous meses antes cando dende esta ponte caeu ás instalacións un obxecto procedente dun camión.
A comunicación de Fomento chegou ao Concello a principios de xuño dese mesmo ano, “pero nun exercicio absoluto de irresponsabilidade se mantivo agochado ata agosto de 2015, cando se fixa un perímetro de seguridade tal e como establece o ministerio”, sinalou César Fernández. Pero durante eses catorce meses, engadiu, “as instalacións estiveron abertas co gravísimo risco que elo implicaba para todos os usuarios pola evidente falta de seguridade”.
Para o voceiro popular, a ocultación desta orde “só obedece aos intereses partidistas do alcalde ante a proximidade das eleccións municipais de maio de 2015”. Así, o secretario de organización do PP, pediu a inmediata demisión do rexedor de Ribadavia