O tenente de alcalde de Verín e concelleiro de Mocidade, Diego Lourenzo, o presidente de AEVER, Santos Álvarez e o xerente do colectivo, Xosé Ángel Rodicio, presentaron, na Casa Consistorial de Verín, o Campamento Urbano 2016 que se celebrará os próximos días 23, 24 e 25 de agosto, de 10:00 a 13:00 horas, en Verín.
Este conxunto de actividades variadas, enfocada a nenos dende os 6 anos en diante, está organizada por Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER) coa colaboración do Concello de Verín, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense. A finalidade desta iniciativa é dinamizar o mercado local e, ao mesmo tempo, axudar a que os clientes dos establecementos adscritos a AEVER poidan facer os seus comprar mentres os seus fillos se divirten no campamento.
O campamento urbano, que ten un custo de 30 euros, terá un sistema de tíckets desconto para adquirir a entrada as actividades. Cada vez que un cliente compre nalgún dos establecementos asociados ao AEVER conseguirá tíckets desconto (cada tícket ten un valor de 3 euros) segundo o valor da súa compra. Os tickets deberán trocarse durante os días 18 e 19 de agosto na oficina de AEVER, de 10:00 a 13:00 horas, ata finalizar existencias.
A iniciativa inclúe o martes 23, na praza Maior a partir das 10 da mañá, unha ludoteca xigante con inchables, un touro mecánico, una carpa interactiva virtual e un taller de golf; o mércores 24 na praza da Mercé, unha busca do tesouro, unha xinkana fotográfica e unha divertida festa da escuma con inchables de auga; e finalmente o xoves 25 na praza do Concello, instalarase un circuíto de karts inchable, una táboa de surf mecánica, realizaranse tatuaxes e haberá cabinas inchables.
As persoas interesadas en inscribirse deberán facelo ate o día 21 de agosto, na oficina de AEVER (na rúa Pedro González Prada, 5) de 10:00 a 13:00 horas.