A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar a ampliación da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ourense por un importe superior aos 585.000 euros, atendendo así ao interese por estes estudos na cidade.
A actuación permitirá contar con seis novas aulas e un salón de actos. En concreto, incrementaranse dúas aulas na primeira planta, e outras dúas na segunda. O salón de actos situarase na planta baixa, reformando o actual espazo dedicado a tal uso co fin de adecualo a dúas aulas máis.
A maiores, na planta semisoto proxéctase a situación dun novo almacén, un vestíbulo de independencia, a sala de caldeiras e o depósito de combustible, así como un cuarto para o grupo de presión e o depósito de incendios. En total, a superficie útil ampliada é de 481,84 metros cadrados, con seis novas aulas de entre 44 e 49 metros cadrados, aseos, almacén, cuartos de instalacións e un salón de actos de 113,91 metros cadrados.
Compromiso co ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras
Cun prazo de execución previsto de catro meses, estas obras permitirán dotar á EOI de Ourense dunha instalación adecuada á demanda da cidadanía pola aprendizaxe de linguas estranxeiras. Neste sentido, este centro experimentou nos últimos anos un incremento no número de alumnado, posto que aos estudantes oficiais matriculados na EOI tamén hai que engadir o alumnado That’s English, o dos cursos CALC (cursos de actuación lingüística e comunicativa dirixidos ao profesorado que quere acreditar a súa formación en idiomas para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos) e o alumnado dos cursos de Linguaxe Administrativa Galega e CELGA.
Ademais, este novo espazo tamén contribuirá á implantación do chinés, así como dos niveis C1 en varios idiomas da EOI. Cómpre salientar que actualmente impártense os niveis básico, intermedio e avanzado de todos os idiomas, agás do chinés, que se seguirá implantando dun xeito paulatino.