Durante esta semana ten lugar no local social da Asociación Veciñal As Termas, situada nas vivendas sociais ao carón da estación de autobuses, un taller de doces e decoración de cupcakes incluido no programa de “Verán Participativo” da Concellería de Participación Cidadá para fomentar a interrelación entre os veciños dos distintos barrios da cidade de Ourense.
Dende a Asociación Veciñal sinalan que «as veciñas e veciños do barrio acolleron moi ben a proposta de desenvolver este taller de verán, para moitas persoas é unha oportunidade para distraerse e pasar unha tarde distinta, en definitiva facer barrio convivindo e compartindo”.
Fomento da Participación Cidadá
Pensando xa no que resta de ano, a Asociación Veciñal As Termas está preparando unha serie de campañas e iniciativas enfocadas a consolidar e ampliar o labor que vén realizando nos últimos anos.
Dende o colectivo veciñal, o presidente Ángel Gómez destaca: «temos a intención de pór en marcha unha campaña enfocada ao fomento da Participación Cidadá activa mediante a elaboración dunha proposta de orzamento participativo para o barrio».
A esta campaña, sumaránse actividades como a campaña xa realizada o ano pasado contra a violencia de xénero e actividades conmemorativas dos 20 anos da entrega das vivendas sociais que cumple en decembro.