A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este venres no Carballiño a empresa Frigoríficos Arcos, dedicada á cocción de polbo ao vapor e á súa comercialización ao baleiro. Alí felicitou á empresa polo recoñecemento que lle concedeu o Instituto Internacional do Sabor e da Calidade, unha recompensa, sinalou, a tanto esforzo e a un traballo que sabe conxugar moi ben a tradición e a innovación.
Ademais engadiu que este galardón pon en valor o bo saber facer do Carballiño e de Galicia en relación á gastronomía deste cefalópodo e grazas a el Frigoríficos Arcos leva o nome do Carballiño e de Galicia polo mundo.
Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que no seu traballo para conseguir un maior nivel de diversificación e diferenciación da oferta, así como de modernizar os procesos de produción e distribución, esta empresa beneficiouse de máis de 525.000 euros ao abeiro das axudas para a mellora da transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca. Esta axuda destinouna á construción e adecuación da nave de proceso de polbo, co fin de mellorar a súa competitividade.
A titular de Mar lembrou tamén que no ano 2015 a Consellería investiu máis de 27 millóns de euros nestas axudas e tramitou máis de 100 expedientes no marco desta convocatoria. Ademais de modernizar os procesos de produción e distribución, con estas achegas tamén se busca mellorar as condicións de traballo, as condicións hixiénicas e de saúde pública ou calidade dos produtos. Están encamiñadas tamén, entre outros aspectos, á fabricación de produtos de alta calidade para mercados altamente especializados que promovan un mellor emprego de especies, subprodutos e residuos pouco aproveitados, reducindo o impacto no medioambiente.
A Pulpeira
A empresa Frigoríficos Arcos dedícase a cocer polbo ao vapor e a comercializalo ao baleiro tanto cortado coma en rabos enteiros coa marca A Pulpeira. Esta empresa familiar aposta pola alta calidade da súa materia prima e pola innovación e investigación constante cun dos produtos típicos e máis valorados da nosa gastronomía.
Está formada por arredor de 20 traballadores e o seu mercado principal é o español e están iniciando a comercialización en países como Reino Unido, Italia, Francia, Polonia e Colombia. Actualmente algúns dos grandes cociñeiros do ámbito nacional son consumidores de polbo desta empresa, ao igual que diversas cadeas de restauración ou de hoteis.