A Gala de Equipos de La Vuelta a España 2016 terá lugar o próximo xoves 18 de agosto no Balneario de Arnoia. O evento presentará oficialmente aos 22 equipos ciclistas que competirán nesta 71ª edición de La Vuelta a España.
O acto actuará tamén como escaparate da gastronomía galega xa que acollerá un showcooking onde se darán cita os mellores cociñeiros galegos e os máis prezados produtos gastronómicos da nosa comunidade.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación da gala, neste percorrido gastronómico estará representada a cociña galega a través das degustacións ofrecidas, por unha parte, por doce profesionais do Grupo Nove e, por outra, por nove cociñeiros de Amigos da Cociña Galega. Así mesmo, estarán representadas 21 Denominacións de Orixe, Indicacións Xeográficas Protexidas e marcas con distintivo de calidade diferenciada.
A directora de Turismo de Galicia destacou que, deste xeito, o showcooking mostrará os grandes valores da gastronomía galega: a combinación da tradición e a innovación e a calidade dos produtos.
“Mostrarase o gran potencial da cociña galega e a virtude destes cociñeiros que darán renda solta á imaxinación, convertendo a presentación e a posta en escena da súa obra nun espectáculo de grandes dimensións co que poderemos deleitar os cinco sentidos”, sinalou.
Lugar destacado para Galicia
Durante o acto, Nava Castro fixo referencia a importancia de que a 71ª edición de La Vuelta a España saia dende Galicia, contando a nosa comunidade, un ano máis, cun lugar destacado neste gran acontecemento deportivo. “A nosa comunidade será o punto de partida deste evento que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre”, afirmou. Neste senso, resaltou que La Vuelta sairá desde Galicia, por segunda vez nos últimos catro anos e por oitava vez na súa historia.