O BNG presentou este martes, xunto á casa natal de Alexandre Bóveda na rúa Barrreira e en vésperas da conmemoración do 80º aniversario do seu fusilamento, á súa candidatura por Ourense ás eleccións autonómicas do 25 de setembro, que encabeza Noa Presas. Unha lista que foi elaborada «a través dun proceso participativo de abaixo a arriba» e que concitou «un amplo consenso na organización», puntualizou a candidata do Bloque á presidencia da Xunta, Ana Pontón.
A cabeza de lista pola provincia de Ourense, Noa Presas, tras loubar o traballo parlamentario da ex deputada do BNG Tereixa Paz, asegurou que as eleccións do 25S “non son unhas eleccións máis, o nacionalismo debe ser determinante para condicionar cambios profundos”. Neste contexto, dixo, non abonda con xestionar ben. «Estamos nun momento no que se abren debates como o estatus que debe ter Galiza e resulta fundamental que estean as voces nacionalistas para condicionar os debates do futuro parlamento galego», apuntou.
A candidata denunciou que a provincia de Ourense conta coa poboación máis envellecida, máis emigración, falta de creación de emprego, menor natalidade e líder en destrución de sistemas produtivos. «Esa análise está feita polo nacionalismo dende hai tempo”, dixo, engadindo que as estatísticas lles dan a razón sobre as políticas que durante anos condenaron a nosa provincia. Por iso, Presas apelou a un cambio político o 25 de setembro para reverter esta situación e recalcou que “as políticas do nacionalismo teñen que ver con mellorar as condicións de vida das persoas”.
Pola súa banda, a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón reclamou»dar un paso adiante para un autogoberno real” e tendeu a man “a todas as persoas desencantadas coa vella política de promesas incumpridas e á desencantada dos líos, as loitas de poder, os personalismos e os intereses das cúpulas”.