A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou as obras de rehabilitación do Mosteiro de San Clodio de Leiro que leva a cabo o departamento do Goberno galego que dirixe para transformar parte deste histórico edificio no primeiro spa de viñoterapia da Comunidade e que, segundo manifestou, teñen como obxectivo “garantir a recuperación íntegra do inmoble e o emprego das súas instalacións para poñer en valor e difundir os recursos turísticos asociados á auga termal e ao viño”.
Esta actuación converterá as antigas adegas e cortes do mosteiro nun centro termal pioneiro en Galicia reforzando así a aposta de Turismo de Galicia polo termalismo para manter o pulo desta modalidade turística na Comunidade, que constitúe un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico do territorio galego.
Así, Nava Castro afirmou que o turismo de saúde destaca notablemente en Galicia “tanto pola súa abundancia como pola súa calidade e singularidade”, o que constitúe “unha vantaxe diferenciadora e competitiva respecto a outros destinos tanto nacionais como internacionais”.
Recursos termais
Neste ámbito, Nava Castro manifestou que Galicia atesoura máis de 300 captacións catalogadas e conta cunha afloración minero-medicinal por cada 10.000 habitantes, o que a sitúa como segundo destino en potencial termal, só por detrás da cidade de Budapest.
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia tamén lembrou que desas máis de 300 captacións de auga mineiro-medicinal, máis de 20 teñen a cualificación de balneario, polo que Galicia “ocupa a primeira posición a nivel nacional ao acoller preto do 20% dos establecementos balnearios do país”.
Na súa visita a San Clodio de Leiro, Nava Castro explicou que Galicia é líder tamén en relación á calidade nos establecementos termais, xa que conta co maior número de establecementos termais distinguidos co Q de calidade turística do Estado, ao ter rexistrados nove balnearios con esta distinción.
Por todo isto, concluíu a directora de Turismo de Galicia, “o turismo termal na Comunidade é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade, con maior capacidade de desestacionalización da demanda, con poder para a captación de máis segmentos de público e de gran atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos”.