A Concellaría de Cultura de Barbadás en colaboración coa Concellaría de Mocidade ten ultimadas, a través do Servizo de Normalización Lingüística, as bases da primeira edición do Concurso de monólogos «Linguareteando». O obxectivo desta iniciativa “é darlle unha canle de participación á creatividade ao tempo que se promove o uso da lingua galega na expresión artística” segundo a concelleira Ánxela González Cid.
A previsión é que as bases se aproben no mes de agosto na Xunta de Goberno Local, momento no que empezará o prazo de inscrición dos e das participantes que se estenderá até o día 6 de outubro. A pretensión é que haxa unha ampla participación “queremos contar cunha ampla oferta de monólogos de toda Galiza” apuntou a concelleira, por iso para dar as máximas facilidades se lles aboarán 100 € só pola súa participación a todos os ou as autoras dos traballos que resulten preseleccionados.
Nesta primeira edición do concurso establécense dúas categorías para a participación. Unha dirixida a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos e outra para persoas adultas, a partir dos 30 anos.
En canto aos requisitos todos os traballos deberán estar en lingua galega e a única limitación é que non teñan un contido que promova valores machistas, xenófobos, racistas, homófobos ou atentatorios contra ningún tipo de diversidade, “queremos que dentro do respecto a valores inclusivos dar toda a liberdade á creatividade e á imaxinación dos e das artistas” engadiu a nacionalista.
Os premios que se entregarán nunha gala final que terá lugar o día 10 de decembro, na Casa da Cultura Manuel María, ascenden a 600 euros o primeiro premio e a 300 o segundo no caso da modalidade de mozos e mozas e 800 e 400 euros respectivamente no caso da modalidade de persoas adultas.