A xunta de goberno local do Concello de Ourense deu conta este venres de 18 expedientes que dan luz verde a “proxectos verdadeiramente importantes para a cidade”, en palabras do alcalde, Jesús Vázquez. Así, outorgóuselle a licenza definitiva para o Campus da Auga e outras licenzas de obra, todas elas no casco vello da cidade, “proba do novo pulo que está a experimentar a zona monumental de Ourense”. Pero foi tamén a través da colaboración coa Xunta de Galicia, como se aseguraron “intervencións moi importante en materia de equipamentos e actividade cultural na cidade, como son o futuro novo museo da cidade, na contorna de San Francisco, ou as actividades do centenario do nacemento do artista ourensán Manuel Prego de Oliver”, explicou o rexedor.
Cun investimento de 4,1 millóns de euros nacen as obras do futuro edificio para o Campus da auga, que xa conta desde hoxe co proxecto de execución aprobado. “É un proxecto estratéxico para a oferta formativa da cidade, e que aprobamos cunha gran ilusión. É un proxecto no que levamos tempo traballando, que tiven a oportunidade de poñer en marcha desde a Consellería de Educación e Cultura, agora desde o Concello, e que me produce unha especial ledicia ver como se fai realidade”, destacou Vázquez Abad.
Na mesma sesión aprobáronse tamén catro licenzas para intervencións urbanísticas no casco histórico da cidade dentro do Plan Especial de Rehabilitación. Concretamente, o proxecto de rehabilitación do edificio sito na rúa Hernán Cortés, 4 – 6 esquina con rúa Bailén; o proxecto básico e de execución de rehabilitación do edificio sito na rúa da Lúa, 8; licenza para a instalación dun ascensor no edificio sito na rúa Cabeza de Manzaneda, 15; e, finalmente, licenza para as obras de reforma de portal e cuberta e instalación de ascensor no edificio sito na r/ San Miguel, 10. “Resulta moi satisfactorio ver como a iniciativa privada intervén nesta zona, con obras de mellora e rehabilitación para dar calidade de vida e contribuír á posta en valor da zona monumental da cidade”, destacou.
Convenios de colaboración.
Asemade, na sesión deste venres da Xunta de Goberno aprobáronse tres importantes convenios de colaboración con outras administracións e o Concello de Ourense. En materia cultural, para a rehabilitación do espazo que ocupaba a antiga igrexa de San Francisco e a súa adecuación como museo nunha localización estratéxica: xunto ao Auditorio, as novas sedes da Biblioteca Pública, o Arquivo Histórico e o claustro de San Francisco. A Consellería de Cultura destinará 1,6 millóns de euros.
Aprobouse tamén un segundo convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para a realización do proxecto «Prego de Oliver 100 anos». A Xunta achegará 15.000 euros como contribución a esta actividade, que organizamos con motivo do centenario do nacemento do artista. “Será un proxecto singular, novidoso e interdisciplinar, do que desvelaremos detalles mais adiante, para poñer de manifesto ao autor xa coñecido e se redescubrirá a un novo Prego nas súas múltiples e integradas facetas: creador, pensador, investigador, teórico, pintor e debuxante”, adiantou o alcalde.
Entroido de Verán
Nesta sesión, o Concello avanzou os preparativos do Entroido de Verán, que terá lugar o 17 de setembro. A participación é libre e aberta a asociacións, colectivos ou persoas físicas que o desexen.
A saída será ás 21:30h da Praza Maior, percorrendo a rúa Lamas Carvajal, praza de Santa Eufemia, rúa da Paz, praza do Ferro, rúa dos Fornos, para rematar na praza do Correxedor, onde será a entrega de premios ás 01:00h. Os gañadores serán elixidos por un xurado con 5 membros, que valorarán a orixinalidade, a chispa diante do público, o vestiario, a maquillaxe, a caracterización e a creatividade.
A inscrición pode realizarse desde agora na Concellaría de Cultura, e a relación de inscritos será publicada o día 13 na páxina web www.ourensecultura.com.