A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá preto de 125.000 euros na mellora da rúa A Lama, no concello de Oímbra.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Oímbra, Ana Mª Villarino Pardo, asinaron o convenio de colaboración no que se recolle este compromiso.
Segundo o proxecto, os traballos consistirán na reparación da rede de abastecemento de auga potable, na reforma e ampliación da canalización da rede eléctrica e de telecomunicacións e na instalación de rede de alumeado público. As obras completaranse coa nivelación da rúa e a pavimentación da mesma en pedra e formigón.
Coa sinatura do convenio de colaboración, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo xa pode licitar as obras nas vindeiras semanas.
Este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego.