O Diario Oficial de Galicia publica este martes a resolución pola que se licitan as obras de mellora da rede de abastecemento nos concellos de Bande e Vera, por un importe de case 200.000 euros.
Tras a sinatura dos convenios de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e senllos concellos, avánzase un novo paso coa licitación destes contratos de obra en materia hidráulica, cuxas ofertas se poderán presentar ata o vindeiro 27 de setembro.
A actuación que se pretende levar a cabo en Bande ten por obxectivo principal mellorar o abastecemento en Corvelle. O proxecto, que a Xunta licita por un impote total de 99.687,40 euros, busca incrementar e mellorar a garantía de subministro de auga e a capacidade de regulación desta parroquia, para o que se realizarán as obras necesarias en materia de captación e de regulación e transporte de auga. Con estas modificacións, a nova rede terá capacidade para dar servizo a unha poboacións de ata 240 habitantes.
Mellora do abastecemento en Verea
No caso da actuación en Verea, preténdese garantir aos veciños da parroquia de San Martiño un sistema de abastecemento axeitado, necesario debido á escaseza de auga detectada na captación que serve á comunidade, cuxa demanda se incrementa en época estival. Augas de Galicia licita a actuación por un importe de 87.055,10 euros.
Na captación construiranse gabias drenantes que recollerán a auga e conducirana ata unha arqueta de distribución. Dende este punto levarase a auga mediante unha tubaxe de abastecemento polo monte comunal e polas marxes de diversas pistas devasas e forestais, ata conectar co depósito existente.
Tamén se realizará a conexión dende o depósito coa rede de distribución existente na cabeceira do núcleo de Casal de Bispo, mediante a colocación dunha tubaxe de abastecemento. Finalmente, para protexer a rede de abastecemento actual, ante a gran diferenza de presión estática que se presenta ao conectar o depósito con esta parte da rede de distribución, instalarase un equipo de válvula redutora de presión.
Ambas obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e teñen un prazo de execución de tres meses.