O voceiro socialista na Deputación, Ignacio Gómez, amósase “estupefacto” ante o desenvolvemento dos acontecementos derivados do pacto de investidura que se deu ente o Partido Popular e Ciudadanos, a nivel estatal. As condicións impostas polo partido de Albert Rivera, respecto da saída dos seus cargos públicos das persoas imputadas formalmente por corrupción política, parece non afectar ao presidente da Deputación, José Manuel Baltar, que está sendo investigado por suborno e tráfico de influencias, o que constitúen presuntos delitos de corrupción. Por unha banda, o propio pacto de investidura da ar ao presidente imputado, posto que se establece un prazo de tres meses para ser apartado do cargo, dende o comezo da lexislatura e, por outra banda, a dirección de C´s semella non ter claro que facer no seu caso e no doutros cargos do PP, igualmente investigados por corrupción.
Dende o Grupo Provincial Socialista, consideran un fraude á cidadanía que os supostos adalides da rexeneración democrática, non teñan claro se van aplicar as súas propias condicións para favorecer a investidura de Rajoy. Resulta inaudito que a dirección galega do partido de Rivera permaneza calado, sen facer declaracións sobre este tema que afecta tanto á calidade democrática no noso territorio. Tamén resulta incomprensible que afirmen, dende outras voces de Ciudadanos, que as condicións impostas non sexan de aplicación no caso dos cargos locais e autonómicos. A verdadeira rexeneración democrática debe incluír todos os niveis da administración, recordan dende o Partido Socialista.
“Semella, tal como declara Nacho Gómez, que os dirixentes de Ciudadanos aínda non coñecen, en profundidade, o alcance e gravidade dos delitos imputados a Baltar Blanco, investigado por un suposto ofrecemento de traballo a cambio de favores sexuais”. Dende o Grupo Provincial Socialista, consideran que deben por en coñecemento inmediato, a través dun dossier que recolla o desenvolvemento dos feitos, a vergoña á que foi sometida a institución provincial de Ourense dende a imputación do seu máximo representante. Os socialistas coidan que, tendo en conta as gravacións feitas públicas, nas que, supostamente, se recoñece a voz do actual presidente e do anterior, seu pai, os feitos imputados teñen o suficiente calado coma para que a dirección de Ciudadanos se pronuncie e actúe en consecuencia.