Este mércores quedou desbloqueada a posta en marcha da Praza de Abastos nº2 da Ponte, ao apostar Partido Popular, Partido Socialista e Ourense en Común por un modelo de xestión integral para o edificio na reunión da comisión de seguimento desta infraestrutura. Democracia Ourensana desmarcouse deste acordo e sigue insistindo en que a mellor opción é alugar individualmente cada un dos postos.
Nun comunicado de prensa, a concelleira de Comercio, Ana Morenza, agradeceu expresamente aos grupos da oposición o traballo realizado e as súas achegas, e agarda que esa vontade de colaboración se manteña noutros asuntos de interese como a futura ordenanza de veladores.
No que respecta ao modelo elixido para a xestión do mercado, esta será adxudicada a unha empresa, sociedade ou UTE, sendo a adxudicataria quen busque os comerciantes que ocupen os oito postos e a propia cafetería do recinto. O canon anual que fixará o Concello á adxudicataria será de 45.000 euros anuais. Tal e como explica a edil de Comercio, o seguinte paso será enviar o prego técnico ao Servicio de Contratación, logo de realizar unha serie de axustes propostos na devandita comisión de seguimento, para sacar a concurso a súa adxudicación na maior brevidade posible e poder desbloquear de xeito definitivo a súa posta en marcha. De feito, o Goberno municipal manifesta tamén a súa vontade de poñer en marcha unhas xornadas de portas abertas neste recinto, tal e como solicitara o PSOE.
Os socialistas reclámanlle tamén á concelleira que, en colaboración coa Área de Promoción Económica e Emprego “facilite todas as ferramentas en canto a información; como ‘fai nas súas áreas para emprendedores’ para a posibilidade de conformar unha UTE si así o desexen os posibles interesados ou inversores”.
As propostas de DO
Democracia Ourensana tamén remitiu un comunicado aos medios de comunicación aclarando que foi o único partido que apostou polo aluguer individual dos postos, “tal como fai calquera xestora profesional nun centro comercial privado (neste caso a xestora sería o Concello)”. Neste caso, o aluguer tería que ser a un prezo superior ao estipulado no prego pois “nunca pode estar por baixo do prezo de mercado real, xa que senón estariamos a fomentar competencia desleal”.
O partido de Gonzalo Jácome entende que, no caso dunha xestora conxunta, o prezo que se propón (3.750 euros ao mes é dicir 45.000 euros anuais de canon) está “ moi por baixo do prezo de mercado” polo que “estariamos mal explotando os activos do Concello”.
Para saír desta encrucillada, DO propuxo coma “solución creativa” que Inorde e Xunta exploten a Praza pondo os oito postos a disposición de produtos autóctonos e o restaurante bar servindo exclusivamente produtos dos oito postos. “Así, a Praza de Abastos da Ponte sería un expositor permanente de produtos da nosa terra. Se a poboación de Melgaco en Portugal, pode ter un museo-venda dos produtos de essa terra, canto máis a provincia de Ourense con 20 veces a poboación. Deste xeito, a praza da Ponte sería ademais todo un reclamo turístico”, explicaban. Esta proposta foi ignorada polos demais grupos do Concello.