O candidato á Xunta por Democracia Ourensana, Miguel Caride, presentou este venres as catro medidas que restaban por coñecer do decálogo co que o partido se presenta ás eleccións autonómicas do 25 de setembro.
A primeira delas é a elaboración dun plan para a promoción, axuda e desenvolvemento das industrias agroalimentarias da provincia de Ourense; a segunda , un plan para a defensa, protección e aproveitamento do monte ourensán; a terceira, un plan de desenvolvemento industrial para a provincia; todos estes plans, significarían, ademais, a creación de postos de traballo, precisou.
A última medida do decálogo é un plan de mellora das infraestruturas viarias da provincia. Neste último eido, o candidato de DO defendeu “unha gran vía de alta capacidade que vertebre o centro de Ourense”, e outra que conecte Valdeorras coa futura estación de alta velocidade da Gudiña, o remate da autovía a Lugo e que se estenda a autovía de Celanova “ata a frontera portuguesa”, e unha circunvalación para a capital ourensá.
Nas pasadas semanas DO xa anunciara as outras seis propostas da foramción, como a erradicación das listas de espera na sanidade, a creación dun parque acuático-termal e a revitalización da estación de Montaña de Manzaneda, e a creación de suficientes prazas en xeriátricos e escolas infantís.
Caride especificou que estas dez medidas “non son números clausus” e que están abertos a “calquera proposta” que vaia a favor do desenvolvemento de Ourense.
Caride presentou o decálogo de DO acompañado do líder do partido, Gonzalo Jácome, do concelleiro Armando Ojea e da número 2 da lista, a tamén concelleira Laura Nóvoa.