A Policía Local identificou a dous responsables de desbotar lixo e enseres nun vertedoiro ilegal en Ourense, concretamente nas inmediacións do Pazo de Ramirás, preto da parada do autobús, no km 580 da estrada N-120. (adxúntanse fotografías). Cabe lembrar que esta zona é utilizada ilegalmente como punto limpo e que xa hai un ano os axentes da Policía Local identificaron tamén a infractores nesta zona.
Un dos infractores, veciño da zona, retirou el mesmo os enseres que desbotara despois de ser identificado polos axentes. Este lixo procedía dunhas obras que estaba realizando nunha casa familiar, para as que non solicitara a correspondente licenza, tal e como lles manifestou logo de que os axentes lla solicitaran. Por este motivo, os axentes remitiron o expediente tanto a Urbanismo como a Medio Ambiente para a posible apertura de expedientes sancionadores, segundo establezan os técnicos de cada concellería unha vez analizada a documentación aportada pola Policía Local.
O segundo dos infractores, tamén veciña da zona, foi identificada pola Policía Local e recoñeceu que tirara algunha bolsa de lixo no lugar indicado, pero que descoñecía que estaba cometendo unha infracción. O expediente, igualmente, foi trasladado a Medio Ambiente para a posible apertura dun expediente sancionador, segundo establezan os técnicos para estas infraccións medioambientais.
O Concello de Ourense lembra que desbotar enseres e lixo na vía pública está prohibido, toda vez que existe un Servizo Municipal de Limpeza que recolle diariamente este tipo de residuos. No que respecta a voluminosos, existen dous puntos limpos na cidade (Santa Mariña e As Eiroás) onde se poden depositar (en horario de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas) os residuos para os que teñen tres tipos de clasificación. Hai un almacén pechado para os residuos perigosos no fogar (aerosois, fluorescentes, disolventes, pinturas, etc); unha zona de colectores de gran capacidade para os residuos voluminosos (mobles, colchóns, electrodomésticos e similares) e, por último, zona de colectores similares aos situados nas beirarrúas para a recollida selectiva de envases de vidrio, envases de plástico, latas, bricks, papeis e cartóns.