A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, vén de activar o servizo de cita previa para obter a tarxeta “Xente Nova” que permitirá a gratuidade do transporte metropolitano para menores de 19 anos. Os interesados poderán solicitalo na web http://tmgxentenova.xunta.gal, onde se ofrecerá cumprida información da operativa da Tarifa Xente Nova.
Para a operativa desta tarifa establécese un medio de pagamento específico, a TMG Xente Nova, tarxeta metropolitana que será expedida gratuitamente por Abanca, entidade colaboradora no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. O proxecto está aberto a colaboración por parte doutras entidades financeiras que así o promovan. Grazas a esta plataforma evitaranse colas nas oficinas desta entidade e optimizarase a eficiencia deste servizo.
O programa “Xente Nova” supón a implantación dunha nova tarifa que vai dirixida ás persoas con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos de idade, incluídos, -tendo en conta que os menores de 4 anos xa viaxan de balde nos autobuses metropolitanos-, que será de cero euros nas viaxes de carácter interurbano realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, cun número máximo de sesenta (60) viaxes mensuais por usuario.
Tamén será gratuíto o transbordo que se realice entre servizos interurbanos e urbanos, ou viceversa, cando forme parte dunha viaxe metropolitana. Ademais, na medida en que os concellos das principais cidades, que posúen transporte urbano propio, sigan a petición que lles formulou o Parlamento de Galicia o pasado 28 de xuño, a medida poderá estenderse tamén ao transporte urbano.