Non é negro que é branco, non é alto que é baixo, non xoga coas mans que o fai cos pés e non se chama Kevin que responde a Rubén; pero é desos xogadores polos que merece a penar pagar a entrada por velo xogar.

Nun partido típico destas alturas de tempada centos de persoas achegáronse ata o Couto para presenciar o primeiro encontro oficial da tempada da Unión Deportiva Ourense e do Atlético Arnoia. A bancada repartida con afeccionados dos dous equipos non viu un partido moi vistoso.

O Arnoia, agazapado na súa portaría agardaba a súa oportunidade de saír á contra, mentres o Ourense buscaba unha fuga na zaga visitante. Os locais dispuxeron das máis claras neste primeiro período e con Cristian Dacosta como protagonista. A primeira delas cun remate, tras pase de Unai, que o porteiro desviou; a segunda, un penalti que de novo atopouse con cancerbeiro.

Nesta primeira metade, Rubén Durán deu mostras do que ía a pasar nos segundos 45 minutos. Desmarques, pases e controis que parecían sinxelos nas pernas do mediapunta unionista.

A segunda metade foi máis tola. Durán remataba -con frialdade diante do porteiro- á malla un centro de Dacosta; 1-0.
A pesar do pao do gol en contra os pimenteros non se amilanaron e tiveron as súas ocasións. Lucas Sierra estivo áxil en todas as accións -menos nunha na que quen estivo rápida foi a defensa para despexar un balón que se colaba na portaría- para desbaratar calquer oportunidade rival.
Os unionistas tamén tiveron as súas, sobre todo cos recén entrados no campo Otero e Hugo; unhas veces o porteiro e outras o fóra de xogo impediron o segundo gol local. Ata que chegou o tempo de desconto e apareceu de novo Durán; tres regates na área, tres rivais sentados e gol para poñer en pé a todos os que retaron aos rigores do verán no último domingo de agosto para ver un partido de Copa Deputación en vez de estar refrescándose na praia, piscina ou río.

Marcador
Nestas datas o campo do Couto sufriu unha remodelación. O máis destacado foi o marcador LED que xa luce enriba dos vestiarios e que xa subiu ao marcador os dous primeiros goles.

Eliminatorias
No resto de eliminatoria desta primeira rolda da Copa Deputación o Xunqueira venceu nos penaltis ao Vilariño; o Velle gañou 3-2 ao Monterrei; o Bande goleou 3-0 ao Maside; o Antela gaño 2-1 ao Cortegada; o Celanova, 2-1 á Peroxa e a Manchica logrou a vitoria a domicilio diante do Allariz, 0-2.