Camilo Álvarez, quen entrara no Club Ourense Baloncesto xunto con Antonio Gavilanes substituirá a éste ao fronte do club.
Despois de que non se consumara o ascenso á ACB Gavilanes renunciou a seguir dentro do Club Ourense Baloncesto. Na súa despedida esgrimiu outro argumento a maiores. «Teño que atender as miñas empresas e non podía ter tempo para adicarlle ao COB» afirmaba Gavilanes.
Volveu a falar sobre o fallido ascenso arremetendo contra os grupos da oposición do Concello de Ourense e a Abanca e alabando o apoio do alcalde de Ourense e da Deputación provincial. Ademais gabou o interese mostrado pola Xunta de Galicia no tema.
Tamén deixou entrever que a súa marcha podería supoñer un desbloquemento nas malas relacións que ten o club coa oposición do Concello de Ourense (Democracia Ourensana, PSOE e Ourense en Común).
Pola súa banda, Camilo Álvarez seguirá co mesmo equipo de traballo das últimas datas. Julio César, levará a base; Domarco adicarase á área estrutural; César Fernández como xerente e Bernardino González será o enlace do club coa Deputación.
O novo presidente xa fixo unha declaración de intencións, «tentaremos ter estabilidade económica e social. Queremos que a xente se identifique co club», comentaba Álvarez.
En canto á relación co Concello, o novo presidente aseguraba ser «un home de consenso» polo que tentará retomar en vindeiras datas «reunións» coa administración local.
Camilo Álvarez recordou que pasaron de «estar na ACB a teñer que poñer cartos para saír na Ouro». En canto á situación do club dixo que «é a que é» e que lle gustaría contar con xogadores como Pedro Rivero e Salva Arco, porén o mandatario afirmaba que tiñan diñeiro para chegar ás «merecidas» pretensións dos dous xogadores. En canto á plantilla, catro son os xogadores que faltan por contratar e que un xogador do filial formará parte do primeiro equipo para darlle importancia á base.