O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, avanzou trala Xunta de Goberno local deste xoves a remodelación do seu goberno ocasionado trala dimisión por motivos persoais da concelleira Isabel Castelo. Trátase da segunda baixa no grupo popular neste mandato, despois de que o verán pasado abandonara o goberno o nº 2 da lista, Francisco González.
Os cambios afectan a catro edís do grupo de goberno, ademais do novo concelleiro que substitúe a Castelo, que será Carlos Campos, o número 13 da lista popular (en vez de Amelia Belmonte, nº 12). Campos, que xa fora edil na oposición no mandato 2007-2011, asumirá as competencias de Participación Cidadá e Seguridade (Policía Local, Bombeiros e Protección Civil).
A ata de agora concelleira de Participación Cidadá, Belén Iglesias, despréndese desta área para asumir Comercio, e seguirá xestionando tamén Educación e Cultura. Ana Morenza deixa de xestionar Comercio e pasará a ocuparse de Contratación, Compras e Suministros. Mantén as competencias en Economía e Facenda. Jorge Pumar sumará ás súas competencias Turismo e Termalismo (que xestionaba a edil dimisionaria), así como Formación Ocupacional.
E finalmente, Flora Moure pasará a ocupar a secretaría da Xunta de Goberno e deixa de xestionar Seguridade Cidadá. Manterase en Persoal e Recursos Humanos.