O tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, e o Director de Adiccag (Asociación para a Divulgación da Cultura da Cervexa Artesá), Pablo Casanova, presentaron, na casa consistorial, o programa do II Festival da Cervexa Artesá e de Artesanía Medieval, organizado por Adiccag e o Concello, que se celebrará en Verín os días 9, 10 e 11 de setembro.
Diego Lourenzo explicou que este ano, e debido á gran acollida que tivo na súa primeira edición, o festival emprazarase na Praza Maior por motivos de espazo e operatividade”. Segundo o tenente de alcalde, esta iniciativa proposta por Adiccag é unha excelente oportunidade para “poñer en valor os nosos produtos artesanais e dinamizar o comercio local”.
Pola súa banda, o director de Adiccag explicou que no Festival estarán presentes sete fabricantes de cervexa artesá: Cervexas Bubela (Lugo), Galponbier (Vilanova de Arousa e Pontevedra), Pardao (Ourense), Irmandiña (Ourense), Sovoral (Xunqueira de Ambia), Monte Rei (Monterrei) e Chopps (Laza). “Todas elas son marcas Galegas”, explicou Casanova, “pertencentes a mozos emprendedores que viven con moito entusiasmo a fabricación da cervexa”. Casanova quixo facer especial fincapé en que o festival contará con numerosos de postos de artesanía medieval “entre os que haberá artesáns da comarca de Verín” e tamén con varios stands de comidas variadas “como pode ser polbo, empanada ou productos ecolóxicos” En canto ás actuacións musicais, o sábado, a partir das 21:00 horas, o grupo de reggae ourensán “BABABOOM” amenizará a xornada.
A entrada ao festival é gratuíta e as cervexas artesás terán un prezo popular de 2 euros a cana. Tamén estarán dispoñibles botellas e packs para a venda. Durante o festival haberá un percorrido cervexeiro no que se lle entregará ao participante unha papeleta con 8 espazos que irá cubrindo cos selos dos 8 fabricantes cervexeiros. Os participantes terán os 3 días para completar a papeleta e, o domingo ás 21:00 horas, realizarase un sorteo entre todos os participantes que achan completado o cartón no que se lle entregarán 8 packs de cervexa.
O domingo, ás 21:30 horas, tamén se sortearán multitude de vales de compra achegados polos comercios de Verín.