A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González Méndez, visitou a escola infantil A Farixa, na cidade de Ourense, con motivo da xornada de portas abertas que se está a celebrar en practicamente todas as escolas infantís da Comunidade galega ante o inicio do curso escolar.
Amparo González fixo un percorrido polas instalacións deste centro pertencente á Consellería de Política Social e no que se ofertan un total de 95 prazas, distribuídas nun grupo de 0 a 1 anos, 3 grupos de 1 a 2 anos, 2 grupos de 2 a 3 anos e un grupo de 0 a 3 anos a media xornada de tarde. Do total das prazas ofertadas catro delas están reservadas para casos de emerxencia.
A directora xeral lembrou que a provincia de Ourense conta cun total de 25 escolas infantís de titularidade autonómica, 22 delas integradas no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e 3 pertencentes á Axencia Galega de Servizos Sociais, o que fan un total de 1.149 prazas da Rede Galiña Azul. A elas haberá que sumar as case mil prazas sostidas con fondos públicos e que tal e como explicou González Méndez, se desglosan do seguinte xeito: 58 prazas concertadas, 43 de iniciativa social, así como aquelas sostidas a través do Bono Concilia (323) e as municipais (525).