Aumenta as prazas un 18,6% para chegar a mil participantes.

As persoas maiores da cidade poderán participar este ano en 27 actividades formativas e de lecer diferentes, que organiza a Concellería de Asuntos Sociais a través do programa de envellecemento activo. O Concello reforza este ano o programa, que pasa de 18 actividades a 27, que darán lugar á formación de 44 grupos (6 máis ca o pasado). Este reforzo do programa permitirá ofertar 1.000 prazas, fronte ás 843 da anterior convocatoria.

Os novos cursos e obradoiros tratan a mente activa, desenvolvemento persoal, customización de prendas, corte e confección, marcha nórdica, ioga e cociña, entre outros temas.

Tamén terán continuidade outras actividades, xa realizadas en anos anteriores, como cachibol, natación (nos niveis de iniciación e perfeccionamento), actividade física e memoria, animación creativa á lectura e escritura, estimulación da memoria, ximnasia nos centros cívivos, iniciación á informática, redes sociais e teléfono móbil, Informática (nos niveis perfeccionamento e avanzado), manualidades, música, risoterapia, tai chi, e pilates.

Os cursos teñén entre 21 e 50 horas de duración, desenvolveranse en diferentes ubicacións, aproveitando na medida das posibilidades espazos municipais como os centros cívicos, o pavillón dos Remedios, a Aula Municipal de Cociña.

Inscrición

As persoas interesadas, a partir de 60 anos e empadroadas en Ourense poderán inscribirse ata o 15 de setembro, a través do Rexistro Xeral do Concello, ou solicitar máis información no Centro Cívico da rúa Colón e na Oficina de Atención ao Cidadán, na Casa do Concello. O custe de matrícula é 0,40 euros por hora de curso.