A directora do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández, presentaron este luns a programación deste recinto cultural para o que resta de ano. A oferta entre setembro e decembro está composta por 37 espectáculos, que conforman unha programación “diversa, equilibrada e á altura das mellores de Galicia”, en palabras do vicepresidente da Deputación, administración da que depende o Teatro Principal.
Desta programación, Olga Mojón salientou a obra “El público” de Lorca, representada por Teatro de La Abadía. “Unha xoia”, en palabras da directora do Principal, que en Galicia “só vai estar en Ourense”, concretamente o 22 de decembro.
Será outra obra a cargo de La Abadía, “La respiración”, a que abra o ciclo teatral deste semestre no Principal, o vindeiro 22 de setembro. Entre unha e outra, o público ourensán poderá ver “Arizona” de Histrión Teatro, “La cervantina” de Compañía Nacional de Teatro Clásico, “Helena, xuízo a unha lurpia” de Teatro do Atlántico, “Alberti, un mar de versos” de Teatro de Malta, “Foucellas” de Talía Teatro, “Marat/Sade” de Atalaya Teatro, “Vip” do Centro Dramático Nacional-Joglars, “O Tartufo” a cargo do Centro Dramático Galego, e “El asno de oro”, da Compañía Rafael Álvarez “El Brujo”. Sen esquecernos do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que se desenvolverá entre o 7 e o 16 de outubro e cuxo programa está sen pechar, e da MOTI, Mostra de Teatro Infantil, que representará varias obras para o público infantil e familiar entre o 26 e o 29 de decembro.
No apartado musical, non faltará a cita mensual coa música clásica do ciclo “Enclave de Cámara” que o Concello de Ourense programa cada primeiro xoves de mes (a cita de outubro, o día 6, é coa Real Filharmonía de Galicia). Ademais, haberá unha Gran Gala de Ópera o 22 de outubro, e unha nova edición do Blues Teatro Principal no mes de novembro, que presentará novidades en canto a ubicacións, adiantou Mojón. Nese mes, repite outra cita clásica do recinto cultural da Deputación, o concerto de Voces Femininas o día 24, cuxas artistas aínda están por confirmar, e tocará a Orquestra de Cámara Leos Janacek + Ivan Zenaty o día 27. Xa no mes de decembro, o día 11 prográmase o concerto da agrupación Müsica Antiqua Viva, e o día 17 cita cos Grandes do Gospel. Pechará a oferta musical o Concerto de Nadal a cargo da Orquestra Sinfónica da Radio Nacional de Kiev o 23 de decembro.
O Teatro Principal tamén acollerá varias proxeccións do 21º Festival de Cine de Ourense (entre o 28 de outubro e o 2 de novembro), así como outros actos organizados por outros organismos e asociacións que se irán sumando a este programa.
A directora do Principal agradeceu o labor do persoal da sala e o apoio da Deputación de Ourense, da Consellería de Cultura, a través da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios de Agadic, do Ministerio de Cultura, a través do programa Platea, e do Concello de Ourense, que son as entidades que permiten conformar esta programación.
Abonos e tarifas
Os abonos para este segundo semestre de 2016 estarán á venda entre o 7 e o 17 de setembro, con dúas modalidades: o abono de música, que dá acceso a catro eventos, e o abono teatro, que permite asistir a 10 funcións. O abono supón un desconto do 10% sobre as tarifas habituais do Teatro, e seguirá habendo descontos do 5% para usuarios do carné xove, do carné de estudante, maiores de 65 anos e parados sen prestación económica.