A rúa Concello abre este martes 6 de setembro, ao tráfico no seu sentido habitual. Finalizadas as obras, o Concello de Ourense asinará a acta de recepción dos traballos durante a mañá e o tráfico restablecerase con toda normalidade a partir das 16 horas.
Este proxecto de urbanización foi adxudicado o pasado 31 de decembro de 2015 á UTE: Proyecón Galicia SA »Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa, SL,» por un importe de 506.850 euros. Saiu adiante grazas á cooperación da Deputación Provincial. De feito, ámbalas dúas administracións asumiron un acordo o 15 de outubro de 2015 que permitiu acometer conxuntamente as obras correspondentes á rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña, o acondicionamento e renovación do firme na Praza Eiroás e rúa do Pazo, a rede de abastecemento de A Besada – Santa Mariña, a humanización da rúa Concello e a rehabilitación de firme e adecuación de accesibilidade da rúa Mercado.
Os traballos contemplados no »Proxecto de urbanización da rúa Concello» comezaron o pasado 28 de marzo, momento no que se procedeu ao corte da rúa, que se mantivo durante os algo máis de cinco meses de execución da obra.
A empresa executou a obra nun prazo inferior ao inicialmente previsto. O prazo contractual cumpríase o 16 de setembro (6 meses desde a firma da acta de replanteo, que se realizou o 16 de marzo).