CCOO afirma que as modificacións unilaterais do prego de condicións elaborado pola Consellería de Educación para a adxudicación do contrato de prestación do servizo de limpeza do Centro Residencial Docente e IES “Universidade Laboral de Ourense” son «a gota que colmou o vaso da paciencia do persoal».
Segundo CCOO, pese aos escritos e xestións realizadas ao respecto pola representación das traballadoras, a Consellería de Educación fixo oídos xordos e, no prego de condicións para a nova adxudicación do contrato de prestación do servizo de limpeza do Centro Residencial Docente e IES “Universidade Laboral de Ourense”, «introduce unilateralmente modificacións susceptibles de considerarse non axustadas a dereito, como é, entre outras, a eliminación da categoría de dous traballadores da plantilla (encargado e peón especialista que pasarían as ser limpadores)».
Critican tamén dende CCOO a «despreocupación» da Consellería respecto dos «reiterados incumprimentos do convenio» por parte da actual empresa adxudicataria, tanto en cuestións laborais como salariais, e acreditados mediante sentenzas favorables ás demandas do persoal.
CCOO empraza á Consellería de Educación a que reconsidere a situación por canto, a criterio do sindicato,
non procede modificar unilateralmente as condicións de subrogación que os traballadores deste servizo veñen mantendo dende hai máis de 20 anos, nin tampouco mirar para outro lado cando as empresas adxudicatarias reinciden unha e outra vez nos incumprimentos e obrigas legais co persoal.
CCOO, á vista do que consideran «inmobilismo» da Consellería e ante as actuacións da empresa, ven de convocar as mobilizacións para os días 8, 9, 12 e 13 de setembro, fronte á Delegación de Educación en Ourense, na rúa Concello.