O sindicato CIG vén de facer pública unha análise socioeconómica da provincia de Ourense que amosa datos “demoledores”. Un estudo elaborado pola economista Natividad López baseado en datos e estatísticas oficiais que recolle, por exemplo, que a provincia perdeu desde o ano 2008 o 5% da súa poboación, unha perda de poboación que entre os menores de 35 anos sobe ata o 15%. Un saldo vexetativo negativo ao que se lle sumou nos últimos anos un saldo migratorio tamén negativo están detrás desta realidade.
A responsable de Economía da CIG non conclúe se a perda de poboación “´ten efectos ou é consecuencia do mercado de traballo”, pero as estatísticas laborais de Ourense tampouco son boas. Así, desde 2009, caeu un 6% a poboación activa (entre menores de 35 anos a perda foi do 24%), baixou un 22,7% a poboación ocupada , e, pola contra, desde o inicio da crise aumentou un 200% a poboación parada.
A crise tamén afectou á calidade do emprego na nosa provincia. Así, Natividad López salientou o dato “histórico” dos 67.236 contratos asinados en Ourense no último ano, dos cales o 91% foron temporais e “o 21,7% non chegou á semana de duración”. Un dato que ten consecuencias nos ingresos dos traballadores, pois o salario medio baixou un 2,9% desde o 2008, isto é, 487 euros.
Salario medio anual por debaixo dos 2.000 euros
A sindicalista chama a atención no feito de que o único tramo de asalariados que crece no período 2009-2014 é o daqueles que perciben entre 0 e 0,5 veces o salario mínimo interprofesional (SMI). Isto é, en 2014 houbo en Ourense 19.221 persoas (o 19,2% do total de asalariados) cun salario medio anual de só 1.865 euros.
Outros indicadores negativos que recolle o informe da CIG é o dato da pensión media en Ourense, a máis baixa de Galicia (643,93 euros ao mes) ou o incremento da concesión de RISGAS e de axudas de emerxencia social, que se duplicaron nestas anos de crise. Amáis, perdéronse un 4,8% das empresas que había na provincia, e das que quedan, o 64,2% non tiñan asalariados no ano 2014 (se engadimos as que tiñan un único empregado, a cifra sobre ao 86,3%).
O secretario xeral da CIG en Ourense, Etelvino Blanco, valorou a situación que debuxan estes datos como de “emerxencia total”, froito “dunha política económica con respecto á provincia de Ourense nefasta”. “É a herdanza que nos deixa Feijóo”, recalcou.
A autora do estudo tamén realizou o mesmo estudo para Lugo, e na comparativa entre ambos Ourense sae perdendo en termos demográficos e de perda de emprego.