Ourense en Común solicita unha convocatoria urxente para analizar a problemática da Rúa Concello e buscar solucións á aglomeración de vehículos ás portas dos centros educativos.

A oposición convocará de novo a Mesa de Mobilidade se non o fai o goberno

Ourense en Común reiteraba este luns, neste caso mediante instancia no rexistro municipal, a petición para que o concelleiro José Araujo, responsable da área de infraestruturas no goberno do Partido Popular, convoque unha nova reunión de traballo da Mesa de Mobilidade, que dende o 28 de marzo, coincidindo co peche da rúa Concello para a súa reforma, quedou silenciada.

Tras preguntar no pleno e xuntas de área en incontables ocasións por esta cuestión, este é o terceiro requirimento formal que, a través do rexistro municipal, Ourense en Común fai ao concelleiro nestes meses, o último deles o pasado 15 de xullo, trasladando as demandas recollidas por distintos colectivos e organizacións que participan neste órgano municipal, que solicitan seren escoitados e unha mellor operatividade na xestión desta mesa de traballo.

Ourense en Común advirte ao goberno na súa petición  que se está forzando novamente á oposición a convocar á Mesa Municipal de Mobilidade, pois o responsable da área non se está a facer cargo. O grupo municipal denuncia que o equipo de goberno do Partido Popular nin ten previsto garantir o cumprimento das encomendas dos propios colectivos, nin está disposto a avaliar accións pendentes ou tratar puntos urxentes como a celebración da Semana Europea da Mobilidade e o acontecido na Rúa Concello. Sinalan asemade que en pouco volverá un problema estrutural que necesita de solucións integrais como son a aglomeración de vehículos ás portas dos centros educativos, que co inicio do curso escolar volveu a poñerse de manifesto.

Dende OUeC apuntan que coa nova solución de retornar ao aparcamento en liña na rúa Concello, “o equipo de goberno mantén a conduta de desatención ás recomendacións, xa que tanto técnicos municipais como policía local desaconsellaban optar por esta solución, que propiciará o aparcamento eventual en dobre fila”.

O caso máis recente é o da Rúa Concello, para a que Ourense en Común e diferentes colectivos xa apuntaban, antes de iniciarse as obras que, de optar por unha solución peonil, podería terse avanzado na pacificación real do tráfico no centro da cidade, ao ter 3 vías de alta capacidade inmediatas que de feito, nos meses en que a rúa estivo pechada, demostraron ser capaces de absorber o seu impacto (Av. Habana, Rúa Progreso, Juan XXIII), súmase a outras decisión tomadas polo goberno que se afastan da pacificación e a verdadeira humanización da cidade. Outro exemplo foi o asfaltado do tramo final da Rúa Bedoya, un espazo que podería perfectamente ser tamén peonil ao contar con 2 vías de alta capacidade conectadas arriba (Emilia Pardo Bazán) e abaixo (Av. Bos Aires).