O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou un convenio de colaboración co Concello de Muíños, representado polo seu alcalde, Plácido Álvarez Dobaño, para o financiamento das obras de reforma e ampliación da residencia de maiores, situada no lugar de Mugueimes, onde se presten servizos das carteiras de promoción da autonomía e de atención á dependencia. Rey Varela destacou este fito para os maiores do concello ourensán como “un dos froitos da coordinación entre a Xunta de Galicia e os entes locais para coordinar a atención social dos cidadáns galegos”.
Na xuntanza, o conselleiro e o alcalde de Muíños debateron acerca do estado deste centro social que o concello comezou a construír en 2006 e que leva funcionando desde 2014. Para esta obra, a Xunta de Galicia concedeu o 90,86% do total do orzamento. En 2013, grazas ao Plan de Desenvolvemento Rural Sostible xestionado por AGADER, a O Goberno galego volveu a colaborar na adquisición de equipamento mobiliario. No momento actual e a través deste convenio, a Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, adquire o compromiso de colaborar co concello ourensán para a reforma e ampliación da residencia de 40 a 59 prazas.
Ao abeiro do convenio, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará ao Concello de Muíños unha cantidade máxima de 150.000 euros durante as anualidades 2016, 2017 e 2018 (data na que o convenio quedará sen vigor).