Organizan nos próximos meses unha xornada informativa, e cursos de español e axudante de cociña.

Formación e voluntariado no CDR O Viso

O C.D.R. O Viso acollerá durante as vindeiras semanas diversas accións formativas e de voluntariado.

A primeira delas terá lugar este sábado 17 de setembro en Lodoselo, e consistirá nunha xornada de voluntariado, como punto de encontro para os que xa forman parte deste proxecto así como para despertar a atención doutras persoas para que se unan ao mesmo. Os interesados é preciso que se inscriban antes dese día.

De seguido, do 20 de setembro ao 28 de novembro organizan un curso de español básico (en horario de tarde martes e xoves, ata completar 60 horas lectivas), que se impartirá no Ceip Rosalía de Castro de Xinzo de Limia. O obxectivo é empoderar á poboación inmigrante a través do coñecemento básico do idioma e da cultura española;  ir xerando aprendizaxes do cotiá que coadxuven á súa inserción sociolaboral e lles atribúan un papel activo na sociedade.

E o 3 de outubro comezará, así mesmo, un curso de axudante de cociña (de 100 horas e 40 de prácticas en empresas), por tratarse dun servizo moi demandado na comarca.

Estes dous cursos están subvencionados pola Consellería de Política Social a través da convocatoria destinada a entidades de iniciativa social para os anos 2016/17, para a promocion de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social. Actividade cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.