A Consellería de Política Social, na figura do seu titular, José Manuel Rey Varela, vén de asinar un convenio de colaboración co Concello do Barco de Valdeorras, representado polo seu alcalde, Alfredo Laudelino García Rodríguez, para o financiamento das obras de ampliación da escola infantil municipal, situada na rúa Florencio Delgado Gurriarán. Estas obras serán realizadas polo Concello do Barco de Valdeorras. O máximo responsable da área social do Goberno galego salientou que “o diálogo e a colaboración entre administracións son fundamentais para acadar unha política social que beneficie a todos os cidadáns de Galicia a través da conxunción de todos os recursos”.
Ao abeiro do convenio, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará ao Concello do Barco unha cantidade máxima de 150.000 euros durante as anualidades 2016, 2017 e 2018 (data na que o convenio quedará sen vigor). Conselleiro e alcalde agardan que con esta ampliación, pódase garantir unha mellor atención aos menores e traballar para elevar a ratio de prazas públicas de escolas infantís que neste intre é dun 15,07%.
O convenio entre Política Social, a través do Consorcio, e o Concello do Barco, asínase de acordo coa misión do propio Consorcio de participar na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local, con atención especial á xestión integral das Escolas Infantís de titularidade municipal, no ámbito territorial dos entes consorciados.