A feira da Cervexa Artesá e Artesanía Medieval, que se celebrou na praza Maior de Verín durante os días 9,10 e 11 de setembro recibiu un 20% máis de visitantes que na anterior convocatoria de 2015, que tivo lugar na Praza da Mercé. Nesta ocasión, o certame recibiu preto de 4.000 visitantes.
A concelleira de Festexos, Emilia Somoza, mostrou a súa plena satisfacción ante a gran aceptación que tivo o festival e quixo facer especial fincapé no claro retorno que este tipo de eventos teñen na vila “xa que, como puidemos comprobar este fin de semana, os visitantes que se achegan á feira tamén consomen nos negocios da zona”.
Pola súa banda, o Director de Adiccag (Asociación para a Divulgación da Cultura da Cervexa Artesá), Pablo Casanova confirmou que “nesta segunda edición do Festival alcanzáronse – aproximadamente- os 4000 visitantes, o que supón un 20% máis que o ano pasado”. Casanova tamén quixo sinalar como “un gran acerto” o cambio de localización da Feira xa que “posibilitou que visitantes e expositores puidesen desfrutar do evento sen sufrir momentos de aglomeración nas horas punta como ocorreu o ano pasado na Praza da Mercé nalgunha ocasión”.
No Festival, organizado por Adiccag coa colaboración do Concello de Verín, estiveron presentes sete fabricantes de cervexa artesá: Cervexas Bubela (Lugo), Galponbier (Vilanova de Arousa e Pontevedra), Pardao (Ourense), Irmandiña (Ourense), Sovoral (Xunqueira de Ambia), Monte Rei (Monterrei) e Chopps. A feira tamén contou con 20 postos de artesanía e varias casetas de comida ecolóxica e tradicional. O grupo de reggae ourensán Bababoom amenizou a xornada do sábado.
A entrada ao festival foi gratuíta e as cervexas artesás tiveron un prezo popular de 2 euros a caña. Tamén estiveron dispoñibles botellas e packs para a venda. Durante o festival houbo un percorrido cervexeiro no que se lle entregaron aos participantes unha papeleta con 8 espazos que foron cubrindo cos selos dos 8 fabricantes cervexeiros. Os participantes tiveron os 3 días para completar a papeleta e, o domingo realizouse un sorteo entre todos os participantes que completaron o cartón no que o gañador recibiu 8 packs de cervexa.
O domingo tamén se sortearon multitude de sobres con ordes de compra achegados polos comercios de Verín que “co seu gran esforzo” aclarou Casanova, “doaron os establecementos de Verín para axudar a que este evento teña continuidade no tempo, ao mesmo tempo, promocionar os seus negocios”.