A industria agroalimentaria da provincia de Ourense xera 92 millóns de euros de superávit comercial, significándose como actividade clave da economía ourensá. Así o reflicte o último estudo do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta que a Deputación desenvolve para a análise económica, laboral, empresarial e social da situación económica da provincia nas súas comarcas.
O último informe do Observatorio analiza o sector agroalimentario e reflicte que este sector move a quinta parte das exportacións totais da provincia de Ourense e supera os 150 millóns de euros en volume de negocio exterior. A suma da agroalimentación e da elaboración de bebidas sostén máis da cuarta parte (27,3%) de todo o sector industrial da provincia.
Segundo o estudo, o sector agroalimentario ourensán atópase “en plena fase expansiva” e está a reforzar o seu rol como “actividade básica, estratéxica e avanzada”. Estas conclusións baséanse no superávit comercial, na dimensión que ten sobre o comercio exterior, na contribución á creación e ao mantemento de emprego (8.330 postos de traballo), e no voluminoso censo de empresas (587, o que significa que impulsa o 27,3% do sector industrial da provincia).
Segundo os últimos datos dispoñibles, a industria agroalimentaria e a elaboración de bebidas son a ocupación de 3.267 traballadores na provincia. Pero a dimensión laboral multiplícase ao engadirlle as afiliacións da agricultura e as da silvicultura, que coas anteriores (agroalimentación e bebidas) dan como resultado 8.334 postos de traballo, o 8,2% das afiliacións totais da provincia de Ourense.
Forte especialización
Unha das trazas da industria agroalimentaria ourensá é a forte especialización e a moi elevada concentración. O 74% das empresas teñen como foco de negocio a fabricación de produtos de panadería e pastas alimenticias. Para visualizar o seguinte chanzo hai que descender ata o 13% de representatividade que acadan as industrias de procesamento, elaboración ou conservación de produtos cárnicos.
A compoñente estratéxica do sector agroalimentario queda retratada no peso relativo que ten sobre o conxunto da industria. En dúas comarcas, Terra de Trives e Terra de Caldelas, mesmo se achega ao 70%; na Baixa Limia anda preto do 60%; e no Ribeiro e Viana case representa a metade de todo o sector industrial.