Miguel Caride (Ourense, 1964), avogado de profesión e músico afeccionado, dá o salto á política como cabeza de lista da candidatura de Democracia Ourensana.
Vde. tense definido como simpatizante de esquerdas, estivo próximo ao PSOE, por que decide dar o paso de encabezar a candidatura de Democracia Ourensana?
Miguel Caride: “A mediados dos 80 tiven militancia activa, asistín ao congreso fundacional do Partido Nacionalista Galega en 1988, despois militei no Partido Socialista saínme porque non me gustaba a estrutura interna que tiñan e unha vez que coñezo a Gonzalo Jácome e empezo a traballar con el, profesionalmente, defendendo distintos asuntos, en xaneiro deste ano me ofrece participar no proxecto como candidato para as eleccións autonómicas, e vin que tiña opción de estar en primeira liña, con liberdade, pensei que era o momento de poñer en práctica todas as ideas que sempre comentaba en distintos foros.
Por idade, xa teño 52 anos, recuperei ese idealismo de meterme en primeira liña política, penso que é un idealismo pragmático, é o momento de intentar apostar por ideas concretas innovadoras e que xeren modernidade e emprego. Despois de viaxar durante anos por Europa e América chego a ourense e sinto certa depresión. Case me picou esa necesidade de intentar facer algo”.
Que diferencia a Democracia Ourensana doutras opcións políticas que se presentan?
M.C.: “Formalmente aínda que ten estrutura de partido político é unha agrupación independente de ourensáns ao redor dun proxecto impulsado por Gonzalo Pérez Jácome. A xente que chega a Democracia Ourensana ten distintas tendencias, non é un partido que se poida calificar como erroneamente fan algúns como un partido liberal, eu por militancia histórica son unha persoa máis comprometida coa esquerda. O denominador común é un proxecto netamente pragmático e ourensán, nós a diferencia doutros partidos non somos franquía de ningún outro partido”.
Reclaman 2.000 millóns de investimentos máis para Ourense, é viable esta cifra?
M.C.: “Si; Ourense sempre foi discriminada polo que consideramos que é unha cifra moi moderada, humilde, pois hai un agravio comparativo coas provincias atlánticas: tan só tres infraestruturas da provincia da Coruña, a nova terminal de Lavacolla, o porto exterior da Coruña, o Gaiás suman máis de 2.000 millóns, en Vigo o Hospital Álvaro Cunqueiro custou 1.300 millóns e a PLISAN recibe un investimento millonario.
Hai que ter en conta que Galicia recibirá 6.000 millóns de euros en fondos estruturais da Unión Europea polos indicadores económicos de Ourense, corresponde que ese diñeiro se invirta aquí”.
A intención de DO é ser chave de goberno, con quen preferirían pactar?
M.C.: “Quen se faga cargo desas 10 medidas que propoñemos, pero tamén é certo que por hixiene política, nunha provincia na que gobernou a familia Baltar durante 30 anos, é difícil apoiar ao mesmo partido en Santiago. A medida 10 do noso decálogo pide unha reforma da administración local para pór fin ao clientelismo político e ao caciquismo da Deputación de Ourense”.
As enquisas non son moi optimistas con Democracia Ourensana.
M.C. “En moitas enquisas non se lles dá a opción de elixir a opción de Democracia Ourensana porque só nos presentamos por unha provincia. Esa caída brutal de votos que nos dan non entra na lóxica da evolución do voto, pero non nos preocupa, coido que teremos un bo resultado. Temos unha enquisa nosa interna que nos dá o primeiro deputado garantido.
E hai que ter en conta que o 39% do voto é non declarado, oculto e indeciso, e de feito voto oculto e Democracia Ourensana van da man”.
Por que os ourensáns deberían optar pola vosa opción nas eleccións ao Parlamento de Galicia?
M.C.: “Desde 1981 Galicia construiuse entorno ao eixo atlántico. Desde aquela recibimos 25.000 millóns en fondos estruturais, pero os de Ourense só puxemos os ladrillos para construír un muro que separa a Galicia atlántica da Galicia interior; é hora de dicir basta xa, de reverter esta situación.
Presentamos 10 medidas para cambiar a situación de Ourense e xerar emprego e riqueza E somos a formación política que non é franquia e por riba de nós non temos a ningúen, só a cidadanía ourensá”.