Xosé Mosquera (San Cristovo de Cea, 1956), é profesor de dereito constitucional e xefe de servizo de Intervención na Deputación, ademais de vicepresidente da Federación Galega de tenis. Novamente encabeza unha candidatara de Compromiso por Galicia, desta volta nas eleccións ao Parlamento de Galicia
Con que expectativas se presenta Compromiso a estes comicios?
Xosé Mosquera: “Preséntase a estas eleccións por primeira vez decidindo moi claramente que concorre en solitario e tomou a súa decisión con anticipación suficiente, no mes de abril, para que os galegos souperan que había unha forza galeguista, socialdemócrata, progresista, que ía ir ás eleccións co seu proxecto político e que tentaría de obter o aval dos galegos. Con que finalidade? Estar presente no parlamento de Galicia e unha vez alí poñer o proxecto de Compromiso sobre a mesa, e negociar se tocara. Evidentemente tamén contribúe a que o proxecto se vaia consolidando de cara aos seguintes comicios”.
Que diferenza a Compromiso doutras opcións políticas?
X.M.: “Do PP, o diferenza unha política que no caso de Compromiso contan as persoas, e no PP contan os números, a tecnocracia, añádese a corrupción, as influencias e o chouriceo… No caso do PSdeG, presentan unha oferta internamente divididos, que non é nada bo; co matiz de formar parte do que é a estrutura política do Estado e do PSOE; para nós non, as decisións políticas se toman en Galicia e polos galegos. No caso de En Marea, leva grupos de carácter galeguista ou nacionalista pero xunto a iso están Podemos cunhas posicións políticas que nalgúns sitios foron utilizadas para desmontar parte do nacionalismo, non creo que aquí vaian ser os nosos salvadores, senón que están a adulterar o contido dese proxecto político. E co BNG nos diferenza que o noso proxecto non é independentista, nós cremos que non é o momento do independentismo, é o momento das persoas”.
Que medidas propón o seu programa para afrontar os problemas da provincia?
X.M.: “Grosso modo diríamos dúas cousas: Ourense, como provincia interior, o seu desenvolvemento pasa por algo que non se ten feito nada por el nos últimos anos, que é o desenvolvemento agrícola e forestal. Que pretende Compromiso? A valorización do mundo rural e do forestal para que ocorra todo o contrario do que está ocurrindo. Queimanse os montes porque non hai interese polo medio rural, non ten valor e hai persoas que o fan intencionadamente pero creo que a solución para iso non é a represión ou incrementar as penas, as solucións van por outra vía, por esta da valorización, por crear unha conciencia do colectivo e do medio ambiente que contribúa a cambiar esas condutas. Se ten valor xa non se queima o monte.
Temos posibilidades importantes como a castaña, a uva, o viño, o mel, etc.; hai que traballar coas persoas do mundo rural para que coordinen os seus esforzos, comercialicen os seus produtos a través de cooperativas de forma que se introduzan nos mercados.
Aspiramos a que quen viva no rural viva coma quen vive na cidade; se non queremos a desaparición de Ourense ou apostamos polo rural de maneira decidida ou producirase a desaparición de Ourense”.
E para o tema demográfico e falta de oportunidades de emprego, que propoñen?
X.M.: “Non se pode facer unha política na que se forme aos mozos e unha vez formados o que se lle ofrece é unha viaxe para que vaian a outros países a buscar emprego. Creo que en Galicia hai que buscar fontes de emprego, que pasan por esas actuacións no ámbito agrícola e forestal, e por dinamización e creación de oportunidades coas empresas existentes e mediante a busca de novas empresas que se asenten no territorio, relacionadas con esas capacidades que hai ou cos produtos de calidade que hai. Todo iso ten que recibir un impulso para que teñan oportunidade de traballar nesta terra. Non concibo de que nós creemos talento e o mandemos ao exterior, porque ao mesmo tempo se o talento se queda aquí, o tema demográfico se vai resolvendo, mentres doutra forma o único que quedan son as persoas maiores”.
Por que os ourensáns deberían de votar a Compromiso por Galicia?
X.M: “Porque realmente conseguirá ter un representante no Parlamento que coñece o que é a práctica parlamentaria aínda que nunca estivo nel, pola súa profesión, e ademais coñece que competencias ten o país, que se pode facer, e ao mesmo tempo ten a vontade de facelo. É un voto útil; o voto útil é a aquel que vai traballar no Parlamento, e que ten capacidade para facelo porque votar a unha persoa que vai ser un número é perder o tempo desde o punto de vista electoral”.