Noela Blanco (Ourense, 1980), é licenciada en Ciencias Ambientais, e está a estudar pola UNE Ciencias Políticas. Traballou como técnica en prevención de riscos laborais en Sogama ata 2015, cando pediu a excedencia forzosa para entrar como deputada no Parlamento galego relevando a Pachi Vázquez.
Xa foi deputada co PSOE, pero é un cambio importante ir de nº 1 da lista?
Noela Blanco: “É unha grande responsabilidade ser a cabeza de lista e máis dun partido como o PSdeG coa historia que ten, e coa cantidade de anos de goberno que tivo na historia deste país. A primeira vez que concurrín nunha candidatura foi nas eleccións autonómicas anteriores, que iba de nº 5, cheguei ao parlamento hai pouco máis dun ano e accedín hai tres ou catro meses á dirección do grupo parlamentario socialista. Todo é moi vertixinoso pero estou moi satisfeita e ilusionada”.
A elaboración das candidaturas socialistas non estivo exenta de polémica, houbo diverxencias internas… vai influir iso negativamente no seu electorado?
N.B.: “Penso que ao final a cidadanía o que valora á hora de meter o seu voto na urna son as propostas de cada organización política, a solvencia que teñen e tamén é fundamental a experiencia. Nós agora mesmo gobernamos en 100 concellos en toda a comunidade autónoma, temos tres deputacións, tivemos os gobernos de Laxe e de Touriño, gobernamos a nivel estatal en varias ocasións e iso é que nos dá precisamente solvencia, a experiencia. Sendo certo que cometemos erros porque hai que recoñecelo pero a propia capacidade de goberno implica que se poñan medidas para solventar a posteriori os propios erros.
A respecto do que comenta, son diferentes opinións, eu encáixoo así, nunha familia onde hai catro membros hai diferenzas sobre como organizar unha casa pois imaxínate nunha organización política como a nosa que na provincia de Ourense ten máis de mil militantes”.
Entón está satisfeita do apoio que está recibindo do partido na provincia?
N.B.: “Por suposto, toda a candidatura se sinte arroupada polos militantes, estámolo vendo cando imos a todos os sitios da provincia, a xente nos dá o seu apoio, nos dá folgos para continuar . A nivel persoal teño que dicir que ter sido a máis votada pola militancia é tamén un respaldo extra”.
Que propostas concretas inclúe o programa socialista para reverter os problemas da provincia?
N.B.: “Temos un gravísimo problema demográfico que necesita actuacións urxentes, un plan que desde logo xa anunciou o noso candidato á Xunta que é a creación de 10.000 postos de traballo de mozos e mozas; moitos que tiveron que abandonar a provincia e que os necesitamos para volver a converter o noso medio rural en algo potente. Estamos nunha provincia onde hai moitísimos recursos que teñen que ser potenciados.
No ámbito da cidade é fundamental o tema das infraestruturas, vemos como o Centro de Interpretación dos Parques Naturais leva anos paralizados, un centro que non requeriría ningún custo a maiores posto que se trata dun espazo que está financiado con fondos da UE, que xa se perderon e que eran imprescindibles para poñer en valor o noso medio natural.
Importantísima tamén a estación intermodal de Ourense, que sexa unha estación digna, que non sexa un pendello que é no que o quere converter o PP, unha verdadeira conexión entre ese tren e ese autobús que non só necesitan os ourensáns senón tamén todos aqueles que nos visitan.
Hai que poñer en marcha con medidas concretas o plan estratéxico de termalismo de Ourense; é fundamental a rehabilitación do casco histórico da cidade; e no medio rural nós levamos unha proposta importantísima que é a creación de 2.500 prazas para profesores, pois vimos asistindo nestes últimos anos ao peche de escolas rurais e a unha redución tremenda de mestres.
Outra medida é a gratuidade dos libros de texto, volver a aquel servizo de préstamos que era fundamental para moitas familias que hoxe teñen que escoller entre comprar os libros ou outras necesidades básicas”.
E como se financiarían estas medidas?
N.B.: “É certo que non pasamos o mellor momento económico, que hai unha crise e que herdaríamos un goberno que presume de boa xestión e que ten un grandísimo déficit pero tamén hai maneiras de conseguir ese orzamento e de ter os suficientes recursos económicos.
Nós centrámonos principalmente nos fondos europeos pero nunha verdadeira execución, non como ten acontecido nos derradeiros anos onde Galicia se sitúa á cola da execución deses fondos.
Hai que perseguir o fraude fiscal, e o imos facer con especial intensidade, algo que o Partido Socialista leva defendendo desde sempre que é que máis ten é o que máis impostos pague.
A raíz destas medidas imos conseguir recadar o suficiente para poñer en marcha as nosas propostas que o PSdeG ten tanto para Galicia como para a provincia de Ourense”.
Polo que din as enquisas, parece que as opcións son ou un goberno do PP ou unha coalición entre outras forzas; que liña vermella pon o PSOE para chegar a pactar un goberno alternativo?
N.B.: “Tanto o PSOE coma o PSdeG sempre tenderon a man a outras forzas de esquerda para chegar a acordos, o diálogo foi sempre unha bandeira do socialismo. A verdadeira enquisa é o día das eleccións e unha vez que pase é probable que teñamos que sentarnos a falar pero non imos facer cábalas antes, nós saímos a gañar estas eleccións, con moitísima forza e ilusión”.
Por que os ourensáns deberían de votar o PSOE o 25S?
N.B.: “Porque temos propostas novas para unha cidadanía, para unha provincia que leva anos lanzando un SOS, non soamente polo despoboamento senón por ser unha provincia esquecida. Hai algo que me chama a atención é que a Feijóo, que presume de ser ourensán, non lle parece un orgullo poder ser votado polos seus veciños e prefire concurrir na lista de Pontevedra.
Nós durante moitos anos xeramos riqueza e conseguimos o benestar, non soamente a nivel estatal, senón a nivel provincial, os poucos anos que gobernamos na Xunta. Porque temos propostas, porque pensamos nas persoas e porque a nosa prioridade é o mantemento dun estado de benestar que é esencial na calidade de vida dos ourensáns e das ourensás”.