Do 30 de setembro ao 16 de outubro chegan as V Xornadas de Carne de Boi de Allariz. Un total de 24 establecementos hostaleiros ofrecerán menús especiais con carne de boi de Allariz como ingrediente estrela e 16 deles participarán no concurso de tapas de boi de Allariz. Serán dúas semanas nas que os restaurantes e taperías da zona adicarán a súa cociña a este ingrediente.
As xornadas están enmarcadas no proxecto “Allariz Sabe”; unha iniciativa que cumpre cinco anos e que «dá un salto cualitativo importante», segundo explicou o rexedor alaricano, “pois permítelle ao municipio situar a carne de boi como un punto de referencia gastronómico e turístico consolidado”.
O proxecto de cría e comercialización de carne de boi de Allariz naceu no ano 2011 co obxectivo de recuperar a base territorial , facer explotacións produtivas, previr os incendios e apoiar á hostalería ofrecendo un produto estrela de calidade. Esto supón unha aposta municipal importante pola economía integrada do sector primario e de servizos.
Sete bois, criados en Allariz, foron sacrificados para ser degustados nas Xornadas de Carne de Boi de Allariz nos restaurantes da vila. Ademais o Mercado da Reserva da Biosfera, que se celebra todos os sábados, ofrece un posto de venda directa para mercar o produto alaricano.